Xogos tradicionais, primeira parte

Cando chega a hora do recreo na escola é un momento de felicidade: xogar, estar con nenos e nenas doutras aulas, correr, brincar, gritar, inventar xogos... Ao ler e escoitar isto, fainos retroceder á nosa infancia, aos xogos que aprendimos e recordamos ata o día de hoxe. Dámonos conta de que algúns deles producíronse nas rúas do noso pobo, nos campos da nosa vila, na plaza do sitio onde crecimos e incluso no patio do recreo da nosa escola. Os xogos tradicionais son chamados así por ser de dominio dos nenos e nenas dunha época atendendo aos seus costumes, crenzas, reglas e variantes. Ademais de ser transmitidos oralmente polos nenos e nenas de maior idade.

Moitas persoas cren que o xogo é unha perda de tempo e que non ten que ver coa aprendizaxe formal. Diversas investigacións vinculan o xogo coas matemáticas, xa que é un dos mellores vehículos que os nenos e as nenas teñen para explorar e dominar a súa contorna e, como consecuencia, para aprender gran parte das matemáticas elementais que se establecen como a base para o desenvolvemento de nocións máis complexas a desenvolver posteriormente. 


  • CHAPA OU MARIOLA: este xogo é quizáis un dos máis estendidos e con máis variantes de Galicia e polo mundo adiante, na actualidade temos referencias de máis de 70 figuras diferentes, incluídas variantes. Normalmente a chapa improvisábase no momento de xogar, colléndoa das numerosas pedras que había polo arredor, mais tamén había quen conservaba algunha chapa, porque era moi feituca ou por outras razóns especiais. Con esta actividade traballamos o equilibrio, a coordinación e os números. Tamén o podedes realizar con figuras xeométricas, cálculo mental sinxelo que descifre os números do 1 ao 10...

Quentando a raiola nun fúlxido día os nenos na praza leaban a partida. Un grupo de nenas cunha perna soa brincaban e rían xogando á mariola. (García, X., 2000: 24)


  • XOGOS DAS BÓLAS: para esta actividade podemos utilizar canicas, bólas de barro, bugallos, bólas de papel... Este xogo estaba entre os máis practicados polos nenos e nenas, mesmo se discutía por se tal lanzamento dera na bóla contraria ou non. A finalidade deste xogo é meter a bóla nun covo, se non entran de primeira, cada xogador, por quenda, empuxa a súa dándolle coa unlla do dedo polgar, e o primeiro que logra introducir a súa boliña na focha, é o que gaña. Podemos, ademais, utilizalas para realizar operacións de adición (añadir) ou sustracción (quitar), tamén podemos traballar o desenvolvemento de nocións espaciais e cálculo de distancias.

  • PAPAVENTOS: é un xoguete cheo de posiblidades xa que traballamos a xeometría, simetría, dirección do vento... Na segunda parte dos xogos populares profundizaremos máis neste xogo e descubriredes todos os tipos e posibilidades de papaventos.

  • O PANO: podemos traballar os números asignados a cada participante, contar os puntos totais de cada equipo... O árbitro deste xogo pode levantar un cartel co número escrito para recoñecer a grafía en lugar de dicilo en voz alta. Comezaremos con números baixos e despois incrementaremos a dificultade. Outra variante é facelo con figuras xeométricas e cores: "triángulo verde", "cadrado vermello",...

  • CURNE OU ESCONDITE: pode ser que algún dos que len este blog nunca teñan escoitado a palabra curne, poidera ser... pero é o nome que recibía o xogo de esconderse en Cedeira cando unha das mestras destas Aulas no Aire pasaba as tardes ao aire na rúa. Vaia esta palabra por se a alguén lle axuda a quitar a poeira da memoria e vaia tamén para todos aqueles que teñen amplitude de criterio e ganas de aprender... xa sabedes: saber é saber palabras. Despois desta referencia ao léxico cedeirés pasamos a explilcar cales son os beneficios de xogar ao curne: con este xogo traballamos o conteo, a serie numérica... Os nenos e nenas que se escondan contarán mentalmente para saber o tempo que lles queda para esconderse. Finalmente chegaremos a conclusións como que contar ata 5 non é moito tempo para esconderse, que un contou ata dez máis rápido ca outro... Adaptación: o que panda pode ter un guía, deberá seguir as indicacións que se lle dan para chegar ata o resto (man esquerda pintada de vermello, man dereita pintada de azul), así traballaremos a orientación espacial.

  • XOGAR A DEDOS: neste xogo interveñen os dedos como elemento lúdico. Trátase dun xogo matemático no que se realizan sinxelas sumas cos dedos da man, a nosa primeira calculadora. Compiten dúas persoas fronte a fronte, presentándose ambas as mans cos dedos indicadores enfrontados. A finalidade do xogo é conseguir que o contrario chegue a ter todos os dedos da man estendidos e consecuentemente a man fica eliminada. Gaña o xogador que consegue eliminar ambas as duas mans do contrario. A persoa que comeza a partida toca co seu furabolos un dos dedos do contrario. Con isto o segundo xogador suma dous dedos na man tocada. Tócalle a quenda ao segundo xogador. Este ten dúas opcións: tocar a man do contrario coa súa que amosa un dedo, ou tocalo coa que amosa dous. Así, o contrario terá que estender dous ou tres respectivamente na man tocada.

Xa sabedes que hai moitos máis xogos tradicionais, pois ben, a proposta de actividade de hoxe é que nos ensinedes algunha foto ou vídeo dalgún xogo tradicional feito por vós. A xogar!

0 vistas

© 2023 by Little Rainbow. Proudly created with Wix.com

  • White Instagram Icon
  • White Yelp Icon
  • White Pinterest Icon
  • White Facebook Icon