Xente de auga e terra

Actualizado: may 7

Non queremos empezar o traballo de natureza das Aulas no Aire sen antes felicitar a todos eses pequenos e pequenas naturalistas que cada mércores nos sorprenden co seu traballo. O certo é que os debuxos e os apuntes dos vosos cadernos son xeniais, pero o que complementa todo ese esforzo é o voso traballo diario de observación da natureza. Hai días que chegan ás Aulas no Aire fotografías de animais, bichos ou flores que xa coñecedes porque as estudiamos nesta teleescola e hai outros días que no paseo diario atopades outras especies que vos gustaría coñecer e do mesmo xeito enviades a fotografía ás Aulas no Aire. É así como a realidade vai moldeando a experiencia e as nosas aulas cobran vida.

Parabéns polas vosas observacións!


E agora, imos co tema que nos corresponde hoxe. Sabemos que hai nestas aulas a quen lle gustan moito os dinosaurios, verdade?Pois imos adicar o día de hoxe a uns animais que se amitan bastante aos dinosaurios, aínda que non sexan os parentes máis próximos a eles. Pois si, amigos e amigas, seguro que estades no certo: hoxe o tema serán os anfibios e os reptiles.

Para comezar, unha foto:



Unha cobra de auga ou cobra de colar.

Imos adicarlle un apartado especial porque moitas veces o descoñecemento dos humanos fai que a tratemos mal, ou se cadra, que acabemos con ela por medo. A Astreptophora natrix é unha especie inofensiva abundante en Cedeira e que adoita verse nos meses de verán. A cobra de colar, chamada así por ter en idades xuvenís un colar branco no remate da cabeza, pode chegar a ter un tamaño importante e chegar a medir 70 cm. As súas cores varían dende o pardo ao verdoso. Pon os seus ovos sobre vexetación amontonada ou baixo o esterco. Podemos vela nadando nos ríos.

Aquí queda, mentres adicamos as páxinas do caderno a outros non menos importantes.


Víbora de seoane ou Vipera seoanei

É unha víbora endémica do norte da Península Ibérica, sobre todo Galicia e Asturias, de aí o seu nome: Víbora Cantábrica. Non é moi abundante en Cedeira, pero pode haber algunha, sempre en sitios secos e ben soleados (sistemas dunares, toxeiras...) A súa cor vai do marrón ao amarelo e ten a pel cuberta de escamas, e esta sí é perigosa, así que cómpre saber as cousas para ter coidadiño.

Lagartixa da Serra

A Lagartixa da Serra é moi abundante nas serras, coma na Capelada , por exemplo, e de aí os seus nomes: Lagartixa da Serra ou Iberolacerta monticola. É tamén unha especie endémica do noroeste ibérico, pero na nosa bisbarra ten unha particularidade: pode chegar a vivir na beira do mar.

En esta especie como en tantas outras, os machos e as femias son moi distintos: os machos teñen unha cor verde-azulada con debuxo a manchas e as femias adoitan ser de cores pardas, con deseño en forma de liñas. Seguramente moitos dos que estamos lendo algunha vez de pequenos tivemos a tentación de atrapar unha lagartixa e deixou o seu rabo. Seguramente os nosos pequenos e pequenas naturalistas saiban respetar mellor o mundo...

Rela

Parece incrible que esta ra, de pequeno tamaño poida ser tan antiga, é unha supervivinte, amigos e amigas, supervivinte das glaciacións en Galicia. Fermosísima, pequeniña, verde brillante, é habitual atopala na beira dos ríos, dos lagos, dos encoros, e normalmente subida nas plantas, de aí o seu antigo Nome científico : Hyla “arborea”, hoxe sustituído por Hyla molleri.


E xa por último, un animal que ten moitísimos nomes no galego


A Sacabeira

A sacabeira, píntega ou salamándiga é unha especie da que se contan moitas lendas, moitas historias...decíase que era capaz de resistir as chamas do lume, seguramente porque se vía saír despois de ter sucedido un incendio. Animal considerado tamén desabegoso, ou de mala sorte na tradición popular, ten a súa pel húmida e de cor amarelo e negro, cores aposemáticos que indican en ocasións a presencia dalgún tipo de "toxicidade". A sacabeira é inofensiva, pero ten unhas glándulas que segregan unha humidade que pode resultar tóxica se despois de tocarlle levamos as mans á boca ou aos ollos. É moi habitual atopalas nos meses de outono, así que se cando chegue o outono mirades unha, mellor non tocarlle.


Pois se cadra, xa sabemos algo máis. Aquí van as páxinas para o caderno de naturalistas:



E os debuxos por pasos:





Ánimo , que sempre o facedes moi ben!


Sabemos que os debuxos non son tan fáciles coma outros, así que non vos preocupedes se non vos saen tan ben coma outros días. O caso é que nosoutras queríamos que tuvérades debuxos que se pareceran ben aos animais de verdade. Cada un que faga como poida, e aquí xa sabedes que vale que vos axuden, amiguiños e amiguiñas. Este traballo do caderno ben sabemos que é difícil.


E iso si...seguide observando o mundo con eses ollos tan abertos, porque así pequenos naturalistas, ides ir medrando moito!

Apertas virtuais para todas e todos!

Fotografías: Rafael López Loureiro


0 vistas

© 2023 by Little Rainbow. Proudly created with Wix.com

  • White Instagram Icon
  • White Yelp Icon
  • White Pinterest Icon
  • White Facebook Icon