Visita de Antía Yáñez, escritora.

Venres literario...

Un conto?

Tal vez unha actividade de poesía?


Amigos e amigas, a actividade de hoxe é moi especial. O día que fixestes a ficha sobre o voso conto preferido xurdiunos unha pregunta:

- Que ten un conto para que acabe sendo o que máis nos preste mirar?

Se cadra, gústanos como está escrito, pode parecernos unha historia interesante ou poden tamén gustarnos as ilustracións para que acabe sendo o noso favorito, e así lémolo unha vez, dúas, tres ou máis, e sempre nos segue apetecendo botarlle man.

Así que esa pregunta levounos a outra:

- Quen son os responsables deses textos ou, no seu caso, desas ilustracións?

Seguro que esta pregunta xa tivo moitas respostas. Sí, amigos e amigas, estades no certo: son os ou as escritoras, ou no seu caso os ou as ilustradoras.


Hoxe, venres literario, temos a fortuna de poder abrir as portas das Aulas no Aire a unha escritora galega.

O seu nome é Antía e hoxe participa nas nosas aulas dende a súa casa de Cecebre onde pasa a corentena. Seguro que imos aprender moito con ela.

Antía Yáñez, malia non levar moito tempo como escritora, xa ten cinco libros publicados:


  • O misterio de Portomarín (2016). Galaxia.

  • Senlleiras (2018). Galaxia.

  • O misterio do torque de Burela (2019). Galaxia.

  • Be Water (2019). Cuarto de inverno.

  • A Reconquista (2018). Baía Edicións.


Ao longo da súa traxectoria leva acadado distintos premios e recoñecementos, os primeiros que recibiu foron por traballos de relatos e microrrelatos, pero ten moitos outros:

- Premio Illa Nova de Narrativa, 2018 pola súa obra Senlleiras.

- I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil e igualdade (2018) pola súa obra A Reconquista.

- Finalista do premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil con Be water, finalista este ano tamén como mellor libro xuvenil do ano 2019 na Gala do libro galego.

- III Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, 2019 por Plan de rescate, que aínda está en camiño de ser publicado.

Amigos e amigas que nos ledes habitualmente, xa vedes… un verdadeiro orgullo poder contar hoxe con ela.

No seguinte vídeo, Antía cóntanos o seu libro A reconquista, obra gañadora do I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade (2018).


E xa que temos con nós a Antía, ocorréusenos que o mellor que podiamos facer era aproveitar este venres literario para facerlle unhas cantas preguntas.

Pensándoo ben…

Por que será que unha escritora chega a selo? Por que sempre lle apasionou ler, ou escribir? Se cadra, por casualidades da vida, alguén lle recomendou que se puxese a escribir...

E… como se lle ocorren as historias?

E… que fai estes días de corentena?

Se cadra gustaríanos saber que é o que come para que a súa imaxinación sexa capaz de inventar as historias…

Eran tantas as preguntas que se nos ocorrían, que decidimos que o mellor é que sexades vós, os nenos e nenas, quen as faga.

Só tedes que enviarnos un vídeo coa vosa pregunta, ou escribila nun papel e mandarnos a foto. Podedes estar seguros de que Antía vai resolver todas as vosas dúbidas.



0 vistas

© 2023 by Little Rainbow. Proudly created with Wix.com

  • White Instagram Icon
  • White Yelp Icon
  • White Pinterest Icon
  • White Facebook Icon