Siluetas de animais

Hoxe queremos adicar esta entrada a falar un pouquiño sobre a luz e o uso que deberiamos facer dela. A contaminación lumínica é un dos problemas medioambientais que pasa máis desapercibido pero o seu impacto afecta á fauna, á flora e a saúde humana.

  • Sabedes que os merlos das cidades comezan a cantar ata 5 horas antes que os merlos que viven no rural? O efecto combinado da iluminación artificial e o ruído lévaos a despertarse antes, xa que necesitan facerse oír para marcar o seu territorio.

  • Sabedes que moitas aves á hora de migrar son cegadas pola luz artificial, desvíanse e desoriéntanse? Nalgunhas ocasións acaban chocando e producindo unha elevada mortalidade.

  • Sabedes que a luz altera aos animais mariños como as tartarugas e as súas crías? Moitas crías cando saen dos ovos pola noite confunden o resplandor dos establecementos da praia co das estrelas que se reflexan na auga e toman a dirección incorrecta.

  • Sabedes que unha das causas da disminución de insectos é debido á contaminación lumínica? E xa sabedes a importancia destes bichiños, como ben explicamos en anteriores actividades naturalistas...


Pois ben... Despois de todos estes datos sobre animais queremos que se fagan notar, e por iso na actividade de hoxe tedes que facer siluetas de animais para que entre todos/as os adiviñemos. - Podedes debuxar a silueta e pintala de cor negra. - Podedes aproveitar a luz que entra pola ventá e calcar a silueta para despois pintala. - Podedes facer sombras coas vosas mans que simulen animais, vai ser divertido adiviñalos! Nós optamos pola primeira actividade, aquí vos deixamos as nosas siluetas:


E falando de naturalismo, tamén nos gustaría facer referencia ao comportamento que teñen algunhas flores coa luz do sol. As margaridas dos campos, por exemplo, pola noite están pechadas, pero en canto as raiolas do sol comezan a coller forza, ábrense para aproveitalas, coma por arte de maxia...


O pampulliño, que igual que a margarida é moi frecuente nos campos en Cedeira, tamén abre coa luz do día e pola noite péchase. Velaquí o tedes cun visitante:


E xa por último, imos relacionar unha cousa con outra: moitos bichiños dos que estamos estudiando aproveitan ese momento de peche das flores para deitarse a durmir. Póusanse nelas para buscar acobillo e alí descansan polas noites. Certo que esa debe ser unha camiña ben xeitosa, blandiña e cun bo recendo. Esa é unha das razóns pola que nunca, nunca, nunca hai que coller os bichiños do campo. Esta é unha das cousas máis importantes que queremos que aprendendades.

Como se vai comparar un vaso coa casiña natural que eles teñen? Seguro que a nosoutras tampouco nos gustaría que nos cambiaran a nosa cama nin a nosa casa...

Aquí tedes un bichiño un pouco preguiceiro que segue durmido despois de que a flor abrise pola mañá.

Fotografías do arquivo particular de Rafael López Loureiro

0 vistas

© 2023 by Little Rainbow. Proudly created with Wix.com

  • White Instagram Icon
  • White Yelp Icon
  • White Pinterest Icon
  • White Facebook Icon