MUNDOS DE SAL E AREA

O outro día, facendo un repaso polos vídeos dos xogos populares nos que practicábades brincando pedras no mar, ocorréusenos que debíamos adicar si ou si algunha xornada aos seres vivos que aparecen na praia, porque os temos moi preto, porque todos os podedes ver e porque dende as Aulas no Aire adicamos unha atención especial á protección do medio e isto último ten moito que ver coa nosa vila.

No ano 2009, creouse a Reserva da “Ría de Cedeira”, como unha medida de axuda para fomentar a protección do ambiente e dos recursos naturais.

Actualmente, na costa de Galicia, existen dúas Reservas Mariñas de Interese, a de Cedeira é unha delas.

Unha das finalidades de crear a Reserva de Cedeira, e así se indica no Decreto 28/2009 do 29 de xaneiro, é a seguinte:

c) Conservar e protexer a flora e a fauna do medio mariño e a súa diversidade

Así pois, facer referencia ao areal de Cedeira é obrigatorio. A Reserva mariña da Ría de Cedeira é unha maneira de preservar os recursos e os hábitats; hai evidencias científicas que amosan que este tipo de áreas mariñas protexidas son poderosas ferramentas para a conservación da diversidade biolóxica.

Que Cedeira sexa unha Reserva mariña implica moitas cousas, unhas referidas á pesca, outras ao marisqueo, pero o máis importante é que con carácter xeral dentro da reserva mariña queda prohibida a extracción de fauna e flora. Por tanto, xa sabedes, amigos e amigas: nunca hai que coller nada da praia, e xa non só porque esté prohibido, senón por aquilo no que insistimos tanto que é respectar o medio que nos rodea.

Na praia podemos atopar cousas lindísimas: berberechos, cangrexos, xebras de moitos tipos, esqueletos de ourizos de area, cunchas fraxilísimas… Aquí van algunhas delas:


Berberechos:

Seguramente se levantades un pouquiño de area cando baixa a marea poderedes atopar berberechos, que se abren para alimentarse. O que vai na foto é un carneirolo, tamén lle chaman berberecho bravo.


Ardecasas:

Adoitan estar metidos polo medio das rochas da praia. Na praia da Arealonga hai moitos, pero ollo... TRABAN!


Cangrexo ermitaño:

Se ides á praia da Arealonga poderedes ver como a marea arrastra numerosos caracoliños que gardan dentro un cangrexiño. O cangrexo ermitaño vai mudando de casa conforme vai medrando. Esta podería ser a cuncha dun deles:


Xebra:

Hai días que parece que o mar fora unha ensalada de mil cores, hai xebras verdes, xebras marróns... As que aquí aparecen chámanse marmulos. Seguramente xogastes máis dunha vez a estoupar as boliñas de aire.


Amigos e amigas, xa sabedes… as beiras da marea son lugares preciosos que temos que conservar.

Por iso, a actividade de hoxe non se trata de completar o caderno, senón que consistirá en facer un cartel para que toda a xente saiba que a Ría de Cedeira é unha reserva mariña.

Nese cartel ten que ir o título:

Ría de Cedeira, Reserva Mariña

E cada un de vós escribirá algo importante referido á reserva.

Aquí vai o noso:


Esta actividade didáctica imos facela en colaboración co Museo Mares de Cedeira, así que cando teñades feito o cartel, facédeslle unha foto e enviádela ao seguinte correo: maresdecedeira@gmail.com

O museo do mar, berce de reservistas, será a caixa de resonancia que impulse as voces das Aulas no Aire e envíe a nosa mensaxe de defensa medioambiental.



Fotografías: Rafael López Loureiro

0 vistas

© 2023 by Little Rainbow. Proudly created with Wix.com

  • White Instagram Icon
  • White Yelp Icon
  • White Pinterest Icon
  • White Facebook Icon