Mil primaveras máis para os xogos tradicionais

Hoxe é a segunda xornada que adicamos aos xogos tradicionais nas nosas Aulas no Aire. Sabedores somos de que os xogos populares son un enredo a disposición de todos e todas, que aportan mútiples beneficios educativos ademais de seren unha boa maneira de transmitir a cultura de maiores a pequenos.

As propostas que nos ofrecen moitas veces van acompañadas de movemento, de exercicio físico. Entre moitas outras esta é unha das razóns de que agora que podemos empezar a sair á rúa botemos man deles. Pero non a única nin moito menos…

Recordemos que dende inicio de curso procuramos concienciar aos nenos e nenas sobre a necesidade de ser respetuosos co medio que nos rodea e intentamos que as propostas de actividades das nosas aulas foran sempre dirixidas neste sentido. Este curso 2019/2020 a biblioteca escolar propuxo un proxecto escolar baseado en “tres erres”: reducir, reutilizar e reciclar. Aquí é onde volven a encaixar perfectamente os xogos tradicionais: xogos nos que un botón, unha pedra, a area da praia ou unha caixa de zapatos poden ser elementos cos que brincar. Non é preciso, por tanto, consumir. Sempre podemos reciclar materiais e, por suposto, reutilizalos para distintos xogos (as pedras coas que xogar á chapa ben poderían servir para adornar un castelo de area).

Gustaríanos tamén, chegados aquí, facer unha pequena reflexión dende a nosa condición de mestras de escola.

Temos a certeza de que os nosos nenos e nenas están rodeados de xoguetes, que van intervir na formación deles dunha maneira ou outra en canto forman parte da súa experiencia na vida, iso está claro. Polo tanto, sempre procuramos que os nosos nenos e nenas teñan á súa disposición multitude de xoguetes, pero ás veces non reflexionamos sobre as cousas que lles poñemos nas mans…

Seguramente algunha vez os maiores ofrecimos un xoguete a unha criatura, e despois ese xoguete precisaba un complemento, ou había que mercar máis coma ese para poder xogar, ou o mercado ofrecía unhas cantas ducias de variantes desa boneca ou monstriño en cuestión para simplemente… coleccionar.

Puidera ser o caso de que ese xoguete soamente sirva para crear un desexo consumista, que cando ese pequeno ou pequena sexa maior pode ir a máis. Por outra parte, poderiamos considerar a reflexión de Guy Jaouen, presidente da asociación europea de xogos e deportes tradicionais: 

"Numerosos videoxogos non cumpren a función educativa indicada polos seus promotores nos anuncios publicitarios, pois a maior parte deles o que fan é orientar a imaxinación e o pensamento da infancia en lugar de axudarlles a medrar e desenvolver un espíritu crítico".

Así que, por todas estas cousas, dende as Aulas no Aire propoñemos hoxe os seguintes xogos:


CON AUGA

BURBULLIÑAS

Este é un xogo moi sinxelo para o que simplemente precisamos auga, xabón e unha palliña.

No extremo da palliña facemos dúas fendas perpendiculares e abrimos os cortes en cruz. Preparamos unha mestura de auga e xabón, e soamente queda mollar a palliña na auga xabonosa e soprar.


Podemos construír outros aparellos para facer pompas, como podería ser o caso dun aro cun arame dobrado, ou unhas cordas, como os que se empregan no caso das pompas xigantes. Seguramente na internet atopedes algunha receita de mestura para facelas.




BRINCAR AS PEDRAS

Podemos xogar a brincar as pedras na praia. Precisamos pedras planas e sen esquinas, máis ben redondeadas. Consiste en lanzar as pedras a ras da auga para que reboten. Cantos máis saltos mellor, claro. O gañador será o que faga brincar a pedra máis veces.



CO VENTO

COMETAS OU PAPAVENTOS

Os peixiños voadores que presentamos foron unha argallada feita nas aulas de educación infantil hai uns cantos anos. Son dúas follas de papel de seda (tamén valería o papel que vén dentro das caixas de zapatos) con forma de peixe, que van pegadas pola beira, unha cartolina na boca e uns fíos amarrados na cartolina.


O mundo dos papaventos é amplísimo. Hai cometas que se poden facer cun solo papel. Aquí deixamos varios modelos recollidos do Tastarabás, enciclopedia de brinquedos tradicionais de Antón Cortizas Amado:


PAPAVENTOS DE ABESOURO

PAPAVENTOS DE PAPEL

PAPAVENTOS DE ABELLA


XOGUETES FEITOS CON ELEMENTOS DA NATUREZA


Neste apartado agradecemos a colaboración dunha compañeira de primaria que chamou ás portas das Aulas no Aire para compartir con nosoutras un xoguete que fixo seu avó. Un cravanoces, carraca, rinrán... son varios os nomes polos que corre este xoguete na xeografía galega. Para construílo necesitamos: un pauciño, unhas noces, unha corda e unhas mans habilidosas.

Gracias a Elisa e familia pola súa aportación ás nosas aulas.

Así pois, temos razóns espesas que xustifican adicarlles dous días aos xogos tradicionais nas nosas Aulas no Aire, que agardamos sexan moitas primaveras máis nas vosas casas.


As propostas de hoxe: pompas de xabón, brincar pedras, papaventos ou xoguetes con elementos da natureza... Tedes onde escoller, fai falta ánimo e non moito material.


Xogade que é bo para a saúde... e compartide nas Aulas as vosas experiencias


A maior parte da información das actividades de onte e de hoxe debémoslla a Antón Cortizas Amado, Mestre de Mestres no eido dos xogos e xoguetes tradicionais. Do seu libro Tastarabás proceden tamén moitas das fotografías que presentamos.

Gracias, Antón.

0 vistas

© 2023 by Little Rainbow. Proudly created with Wix.com

  • White Instagram Icon
  • White Yelp Icon
  • White Pinterest Icon
  • White Facebook Icon