Bichiños...

Este ano, como ben sabedes, adicamos o curso escolar ao coidado do medio ambiente, de aí a redución de emprego de plásticos nas aulas ou o sistema que tiñamos de separación de residuos. Nas nosas Aulas no Aire, quixemos adicar un apartado do noso caderno de naturalistas á bichería miúda, eses bichiños aos que moitas veces non damos importancia, tal vez por non aprecialos, por non velos, ou por consideralos dañinos, noxentos… cando realmente xogan un importante papel no equilibrio de todo o sistema de biodiversidade.

As arañas libérannos das moscas, as avésporas alfareiras libérannos dalgunhas arañas, os reirrei liberan ás plantas do pulgóns (se os deixaramos vivir non precisaríamos insecticidas artificiais, que son moi contaminantes).

Ás veces ocorre que simplemente descoñecemos o papel que xogan no mundo ou que nos parece insignificante o tamaño que poden ter algúns deles, pero nas Aulas no Aire estamos para aprender de todo, tamén de bichos, e moitas veces os nenos e nenas amosan un interés especial por todos estes seres que nos acompañan nos nosos paseos polo campo. A semana pasada comentamos o caso da avelaíña da morte e esta semana acordamos o caso dunha bolboretiña lindísima que chegou ás nosas aulas o curso pasado.

Así foi:

Un día paseando, Maia, atopou unha mosca rara, estaba morta e decidiu traela á escola para amosala a todos os compañeiros e compañeiras. Mirámola ben... aquelas ás de mosca con puntiños vermellos facían que fora unha mosca ben linda, pero a nosa maior sorpresa foi saber que non era unha mosca, senón unha bolboreta; xusto o que estabamos estudiando no proxecto. Aprendimos o nome galego: unha "pampurriña"e a nova especie serviu para ilustrar as fichas que foron para as casas. Así se aprende.

Así que, amigos e amigas, seguide prestando moita atención ás cousas que mirades, e se cadra que atopades un bichiño deixádeo vivir tranquilo. Esta é unha das boas cousas que podemos facer para colaborar co proxecto anual escolar de coidado do medio ambiente, tan importante coma reducir o consumo de plásticos ou o uso de insecticidas.


O noso caderno de naturalistas de hoxe vai adicado a uns cantos bichiños que por unha cousa ou outra nos chamaron a atención:


Araña tigre

Esta araña é bastante común nos campos e é fácil de ver se estades atentos, porque ten un bo tamaño. A araña tigre, coma todas as arañas, ten catro pares de ollos e oito patas, non seis coma outros insectos. As arañeiras están feitas de fíos finísimos e extraordinariamente resistentes.

As arañas fan un gran traballo capturando numerosos insectos que doutra maneira invadirían o mundo, como por exemplo as moscas ou os mosquitos.



Reirrei

O reirrei fai un gran labor fitosanitario ao librar a moitas plantas da plaga dos pulgóns. O debuxo dos élitros (caparazón) igualmente que sucede no caso das bolboretas é simétrico, e consta de sete puntos negros, aínda que o do medio está dividido en dúas partes, de aí o seu nome científico coccinella septempuntata (sete puntos). Forma parte dos coleópteros, a orde de artrópodos máis abundante na natureza. Desta mesma familia é a pequerrechiña e lindísima Psyllobora vigintiduopunctata, o escaravello de vinte e dous puntos.

O reirrei, que así se chama en Cedeira, ten moitos outros nomes: renrén, costureira, voaniña, xoaniña...

Este bichiño, moi abundante nos campos, ben lindo pola súa cor vermella, sempre formou parte da cultura popular e podemos atopalo en cantidade de cancións, xogos e ditos populares.

Así o amosa a canción que servía para o xogo de saltar á corda, no que se van contando os saltos a ver quen brinca máis tempo…

Rei-rei

Cantos anos durarei?

Vinte e cinco non o sei.

Un, dous, tres, catro...



Xoia das brañas

Este escaravello vive nas bostas das vacas e pode ser un dos máis fermosos da nosa biodiversidade. Afortunadamente na nosa bisbarra é doado de ver nos meses de verán. A súa cor iridiscente, cambia segundo lle vai dando a luz do sol e en ocasións podemos atopar ducias deles xuntos, un verdadeiro espectáculo. Auténticas xoias da natureza. Pola parte inferior ten unha cor azul violeta que podemos ver tamén nas patas.



Gaiteiro

Chamados así por acordar a súa imaxe ao ronco dunha gaita.

Coma todas as libeliñas pasan a maior parte das súas vidas no interior das augas baixo a forma de larvas, así poden pasar ata dous ou tres anos. Despois disto emerxen e mudan á forma de adultos, a que coñecemos como libeliñas, e neste estado poden vivir uns poucos días, o tempo necesario para reproducirse.


Aquí están as novas páxinas do caderno de naturalistas:


Deixámosvos os debuxos pasiño a pasiño para que vos sexa máis fácil:


Amiguiños e amiguiñas, xa sabedes, cando vaiades pasear procurade ter os ollos ben abertos, porque a gran maioría destes bichiños saben confundirse moi ben no terreo no que andan.


Aquí vai un xogo-concurso para toda a familia:

Sodes capaces de averiguar que é o que se esconde nestas imaxes?






Fáciles de ver, pero un exemplo clarísimo de ver como se confunden co medio…

A nosa proposta consiste en:


Dicir que animaliño é e onde está.


Animádesvos?


Fotografías do arquivo persoal de Rafael López Loureiro

0 vistas

© 2023 by Little Rainbow. Proudly created with Wix.com

  • White Instagram Icon
  • White Yelp Icon
  • White Pinterest Icon
  • White Facebook Icon